Noticias e alertas

A Escola Habanera abre o prazo para participar no proxecto XSCAPE, da man do Incipit-CSIC

04/11/2025

A Escola Habanera do Concello de Guitiriz abre o prazo para a captación de persoas voluntarias que desexen participar no proxecto XSCAPE, unha iniciativa desenvolvida polo Incipit-CSIC. A actividade, de participación gratuíta, celebrarase o vindeiro 15 de novembro na Biblioteca Municipal de Guitiriz en horario de 17:00 a 20:00 horas.


Este proxecto, de carácter científico e divulgativo, céntrase na relación entre o patrimonio cultural e a mente humana. As persoas participantes poderán formar parte dun obradoiro práctico de cerámica prehistórica, no que se reproducirá unha peza antiga, e nun exercicio de observación con tecnoloxías de seguimento visual.


O obxectivo é analizar como os obxectos que empregamos a diario inflúen no noso comportamento e na maneira en que procesamos a información visual. Durante a actividade, os investigadores do CSIC rexistrarán datos sobre os movementos oculares das persoas participantes mentres exploran imaxes e obxectos arqueolóxicos. A información recompilada permitirá avanzar no coñecemento de como os materiais culturais, desde a cerámica prehistórica ata os teléfonos intelixentes, modifican os patróns humanos de atención e percepción.


A participación está aberta a persoas de todas as idades e condicións, agás aquelas que presenten patoloxías oculares severas (como glaucoma, dexeneración macular ou cataratas). Si poderán participar persoas usuarias de lentes ou lentes de contacto.


As prazas son limitadas a 15 participantes e precisan de inscrición previa. As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa participación a través do correo electrónico biblioteca@concellodeguitiriz.com ou no teléfono 982 37 00 62.


O artigo A Escola Habanera abre o prazo para participar no proxecto XSCAPE, da man do Incipit-CSIC publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies