Noticias y alertas

O I Rallymix de Guitiriz reúne a 86 participantes e repartirá máis de 7.800 euros en premios

19/06/2026

Guitiriz converterase esta fin de semana no epicentro do motor galego coa celebración do I Rallymix Concello de Guitiriz – Gran Premio Deputación de Lugo, unha cita histórica para o municipio que contará coa participación de 86 pilotos e cunha dotación económica superior aos 7.800 euros entre os diferentes premios.


A proba está organizada por Scratch Galicia e a Escudería Scratch Fene coa colaboración do Concello de Guitiriz e o apoio da Deputación de Lugo, e será ademais a segunda cita puntuable do Campionato Galego de RallyMix 2026.


Os participantes competirán nun percorrido de 8,9 quilómetros que combina tramos de terra e asfalto e que promete ofrecer un gran espectáculo durante toda a fin de semana.


A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou a importancia que supón para o municipio acoller por primeira vez unha cita destas características e agradeceu o traballo realizado por todas as persoas e entidades implicadas na súa organización. “Detrás dun evento destas características hai moitas horas de esforzo e coordinación. Quero recoñecer o compromiso de todas as persoas e entidades que están a facer posible que Guitiriz acolla esta cita”, sinalou.


Morandeira fixo tamén un chamamento á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao deporte do motor para que desfruten da competición con responsabilidade, comentado que “agardamos que esta primeira edición sexa un éxito e que marque o inicio dunha longa traxectoria para o Rallymix de Guitiriz. Queremos que quen nos visite esta fin de semana leve unha excelente lembranza do noso concello e da paixón polo motor que aquí se vive”, afirmou.


Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Iván Morado, puxo en valor o impacto deportivo, social e económico que terá a celebración da proba para o municipio, resaltando que “o deporte é unha ferramenta fundamental para dinamizar o territorio e crear actividade. Neste caso, ademais, falamos dunha disciplina cunha enorme afección en Galicia, polo que agardamos unha importante afluencia de público durante toda a fin de semana”, explicou.


Programación


O programa arranca este venres, 19 de xuño, coas verificacións administrativas e técnicas opcionais no Campo da Feira de Guitiriz. As primeiras serán de 18:15 a 21:00 horas e as segundas de 18:30 horas a 21:30 horas.


Xa o sábado día 20 se celebrarán as verificacións oficiais e os recoñecementos previos ao inicio da competición á primeira hora da mañá. A partir das 12:30 horas disputaranse as tres primeiras mangas cronometradas, con saída desde o Campo da Festa da Santa Mariña e que se estenderán durante todo o día.


Ao remate da xornada terá lugar a entrega do I Trofeo Súper Sábado Panadería La Esquina para os vencedores das sete agrupacións, prevista para as 21:00 horas no Campo da Feira de Guitiriz.


O domingo 21 de xuño celebraranse as dúas pasadas finais desde as 8:30 horas, con saída de novo desde o Campo da Festa da Santa Mariña, e a entrega de premios da clasificación xeral e das distintas categorías especiais, programada a partir das 13:45 horas no Campo da Feira de Guitiriz.


Máis de 7.800 euros en premios


Na proba repartiranse 7.850 euros en premios. Ademais da dotación económica destinada ás Clases A e B e o citado Trofeo Súper Sábado Panadería La Esquina impulsado pola organización, a competición contará tamén con diversos galardóns especiais destinados a recoñecer o talento e a participación en diferentes categorías.


Entre eles figuran o Trofeo Feminino Pub Zeus, destinado ás mellores pilotas; o I Trofeo Junior Guitiriz Racing Detailing, para participantes menores de 25 anos; o I Trofeo Máster Pub SOA, dirixido aos pilotos maiores de 45 anos; o II Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio, que busca poñer en valor o talento da provincia; e o I Trofeo Scratch Fene Pub Titanic, reservado aos integrantes da escudaría organizadora. Cada un destes trofeos especiais contará cunha dotación económica de 300 euros, repartidos entre os tres primeiros clasificados de cada categoría.


Así, haberá 1.450 euros para car cross, 4.900 para carrozados e 1.500 para os trofeos especiais citados anteriormente, ao que hai que sumar máis dunha vintena de tortas de millo de Guitiriz. Ademais, os tres primeiros clasificados da táboa xeral da proba agrupada recibiran bonos do Iberik Gran Balneario de Guitiriz. Os dous primeiros clasificados recibiran cada un dous bonos de acceso ao circuíto acuático e o terceiro outros dous de acceso ao campo de golf.


Toda a información oficial da competición, os tempos en directo e os avisos da organización poderán consultarse a través da aplicación SPORTITY, empregando a clave GUITIRIZ26.


O artigo O I Rallymix de Guitiriz reúne a 86 participantes e repartirá máis de 7.800 euros en premios publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Más Información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies