Noticias y alertas

O Concello de Guitiriz rexeita un novo peche do Consultorio de Parga durante o verán e esixe ao Sergas que garanta a atención sanitaria

26/06/2026

O Concello de Guitiriz manifesta o seu firme rexeitamento á decisión do Sergas de volver pechar o Consultorio de Parga durante os meses de verán, unha medida que xa se aplicou no verán do ano pasado e durante o pasado mes de decembro, deixando novamente á veciñanza sen un servizo sanitario esencial.


Desde o Goberno local consideran “inaceptable” que esta situación se converta nunha práctica habitual e denuncian que, unha vez máis, o Sergas opta por reducir servizos no rural en lugar de garantir a cobertura das vacacións do persoal sanitario, como ocorre no resto dos servizos públicos.


O Concello lamenta que esta decisión supoña un novo deterioro da atención sanitaria no municipio, obrigando ás persoas usuarias do Consultorio de Parga a desprazarse ata o Centro de Saúde de Guitiriz para recibir asistencia médica, coas dificultades que isto implica especialmente para as persoas maiores, con mobilidade reducida ou sen medios de transporte.


O Goberno local lembra que xa advertira en reiteradas ocasións das consecuencias deste tipo de decisións e considera especialmente preocupante que, lonxe de buscar solucións estables para reforzar a Atención Primaria, o Sergas consolide unha política de recortes que prexudica directamente á veciñanza do rural.


O Concello de Guitiriz esíxelle ao Sergas que rectifique esta decisión e que garanta a apertura do Consultorio de Parga durante todo o período estival mediante a cobertura das vacacións do persoal sanitario, evitando que a cidadanía perda un servizo público básico.


A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, afirma que “é incomprensible que, un ano despois, esteamos exactamente na mesma situación. A veciñanza de Parga non pode ser cidadanía de segunda nin ver reducido o seu dereito á atención sanitaria cada vez que chega un período vacacional”.


A rexedora engade que “o Sergas ten a obriga de planificar con antelación as substitucións necesarias para garantir a continuidade asistencial. O peche reiterado do consultorio non pode presentarse como unha medida excepcional cando se repite unha e outra vez”.


Finalmente, Morandeira subliña que “desde o Concello seguiremos defendendo os intereses da nosa veciñanza e reclamando unha sanidade pública, de proximidade e de calidade para todo o municipio, vivan onde vivan e sexa cal sexa a época do ano”.


Cómpre recordar que o Concello e a veciñanza xa se manifestaron en dúas ocasións nos últimos meses por este mesmo motivo, levando a cabo sendas concentracións diante do propio consultorio e do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, fronte á sede da Xerencia de Atención Primaria, para protestar polos continuos recortes sanitarios que afectan a Parga, Guitiriz e ao conxunto do municipio.


O artigo O Concello de Guitiriz rexeita un novo peche do Consultorio de Parga durante o verán e esixe ao Sergas que garanta a atención sanitaria publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Más Información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies