Noticias y alertas

Guitiriz convida a vivir a eclipse solar do 12 de agosto nunha romaría que une ciencia, música e natureza

03/08/2026

Guitiriz quere situarse entre os mellores lugares de Galicia para contemplar a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. Con ese obxectivo, o Concello organiza a Romaría da Eclipse Solar, unha proposta que combina divulgación científica, música ao aire libre e patrimonio natural para convidar tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a vivir unha experiencia única nun enclave privilexiado.


O evento, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo e de AGADIC, celebrarase na parroquia de Santa Mariña a partir das 19:00 horas, coincidindo co desenvolvemento deste fenómeno astronómico que atraerá milleiros de persoas a diferentes puntos de Galicia.


A programación arrancará coa actuación do grupo Soul&Roll no Campo da Festa. Ás 19:30 horas, a actividade trasladarase ata o Monólito Irmáns da Lexía, onde terá lugar a observación da eclipse. Durante o fenómeno, ofrecerase unha explicación inicial e iranse comentando os diferentes momentos da eclipse para axudar ao público a comprender o que está a acontecer.


O Concello repartirá gratuitamente lentes homologadas para a observación solar, facilitadas pola Deputación de Lugo, ata esgotar existencias.


Unha vez superado o momento central da eclipse, ás 20:45 horas, a música volverá ser protagonista coa continuación do concerto de Soul&Roll, incluído no programa Cultura no Camiño de AGADIC


A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou que “a eclipse representa unha oportunidade extraordinaria para mostrar todo o que Guitiriz pode ofrecer como destino turístico. Queremos que quen nos visite ese día descubra a beleza da nosa paisaxe, o patrimonio das nosas parroquias e a hospitalidade da nosa xente, aproveitando un acontecemento irrepetible”.


Morandeira subliñou tamén que “esta Romaría nace coa vontade de converter un fenómeno científico nunha experiencia compartida, aberta a todos os públicos e que combina coñecemento, cultura e lecer. Agardamos recibir visitantes de toda Galicia e que a súa estancia en Guitiriz sexa o primeiro paso para volver en futuras ocasións”.


Recomendacións para unha observación segura


O Concello recomenda acudir con roupa cómoda, algunha peza de abrigo para as últimas horas da tarde, gorra ou viseira, protección solar, abundante auga e calzado axeitado.


Así mesmo, lembra que non se debe mirar directamente ao Sol sen utilizar lentes homologadas para a observación solar, xa que pode provocar lesións irreversibles na vista.


A observación da eclipse estará condicionada polas condicións meteorolóxicas, polo que o seu desenvolvemento dependerá da visibilidade existente durante a tarde do 12 de agosto.


O artigo Guitiriz convida a vivir a eclipse solar do 12 de agosto nunha romaría que une ciencia, música e natureza publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Más Información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies