Noticias e alertas

O Concello de Guitiriz impulsa unha campaña nas redes polo 25N baixo o lema ‘Non a normalices. Que a única cifra sexa 0’

20/11/2026

O Concello de Guitiriz pon en marcha unha campaña de sensibilización nas redes sociais con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema ‘Non a normalices. Que a única cifra sexa 0’.


A través dunha serie de publicacións, a iniciativa pretende chamar a atención sobre a importancia de non normalizar, xustificar nin minimizar ningún tipo de violencia machista, así como concienciar á veciñanza sobre a dimensión desta problemática e a necesidade de implicarse na súa erradicación.


A campaña pon o foco tanto nos comportamentos e actitudes que contribúen a perpetuar a violencia como nas cifras que reflicten a súa persistencia. Entre os datos que se trasladan nas publicacións figura o rexistro de 8.100 denuncias por violencia de xénero en Galicia durante 2025, segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.


Tamén se lembra que, na última década (2016-2025), 510 mulleres foron asasinadas en España por violencia de xénero a mans das súas parellas ou exparellas, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. Así mesmo, a campaña recolle os datos do Ministerio de Igualdade, que contabilizan 48 mulleres asasinadas en 2025 e 44 ata o 31 de outubro de 2026.


A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sinala que “a violencia contra as mulleres non pode xustificarse, minimizarse nin quedar oculta detrás do silencio. É fundamental que como sociedade saibamos identificar estas situacións e que as vítimas conten co apoio e a protección que precisan”.


Morandeira incide tamén na importancia de manter presente esta reivindicación durante todo o ano: “O 25N é unha data para visibilizar e reivindicar, pero a loita contra a violencia machista non pode limitarse a unha xornada concreta. A prevención, a educación e a implicación colectiva son fundamentais para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia”.


Lectura dun manifesto o propio 25 de novembro


Dentro dos actos con motivo desta conmemoración, o Concello de Guitiriz celebrará o mércores 25 de novembro, ás 12:00 horas, a lectura dun manifesto na Praza do Campo da Feira.


O acto servirá para lembrar, visibilizar e reivindicar o compromiso colectivo fronte á violencia machista, así como para expresar o rexeitamento a calquera forma de violencia contra as mulleres.


Desde o Concello convídase á veciñanza a acompañar esta lectura e a sumarse a unha reivindicación que debe permanecer presente todos os días do ano.


O artigo O Concello de Guitiriz impulsa unha campaña nas redes polo 25N baixo o lema ‘Non a normalices. Que a única cifra sexa 0’ publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies