Noticias e alertas

Guitiriz aposta polo encontro entre xeracións a través do xogo e da tecnoloxía co proxecto ‘Xeracións que xogan’

22/01/2026

O Concello de Guitiriz presentou esta mañá na Escola Habanera o proxecto ‘Xeracións que xogan’, unha iniciativa que ten como obxectivo fortalecer os lazos interxeracionais a través do xogo e da tecnoloxía, promovendo o intercambio de experiencias lúdicas, a transmisión dos xogos tradicionais e a familiarización coas novas tecnoloxías de entretemento.


No acto de presentación participou a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quen sinalou que “este proxecto nace coa vontade de crear espazos de encontro entre xeracións, onde maiores e mocidade poidan compartir coñecementos, experiencias e tempo de calidade a través do xogo, así como demostrar que todas as xeracións teñen moito que aprender unhas das outras”.


O proxecto xorde como unha proposta para crear espazos de encontro entre persoas maiores e a mocidade no medio rural, fomentando unha aprendizaxe bidireccional na que todas as xeracións teñen algo que achegar. Nun contexto marcado pola fenda dixital e polo risco de illamento social, especialmente entre a poboación maior, ‘Xeracións que xogan’ aposta pola cohesión social e tecnolóxica, combinando tradición e innovación.


Durante as distintas sesións previstas, as persoas maiores compartirán xogos tradicionais e de cartas, mentres que os nenos e nenas introducirán ás xeracións máis adultas no uso de videoxogos e dispositivos tecnolóxicos como tabletas, consolas ou ordenadores. Deste xeito, as persoas maiores gañan autonomía e confianza no uso das novas tecnoloxías, e a mocidade descobre o valor do xogo tradicional e da memoria cultural.


O proxecto xa está en marcha coa fase inicial de charlas de captación de voluntariado e desenvolverase ata o próximo mes de maio, con diversas charlas e sesións de xogo nas que participarán múltiples asociacións e institucións do municipio. Entre elas atópanse a Biblioteca Pública Municipal, o Centro de Día Casa do Capataz, os tres centros educativos de Guitiriz, a Asociación de Xubilados, a Asociación de Amas de Casa, varios comerciantes locais, a asociación ALUME, a Asociación Xermolos e as ANPA dos dous colexios.


Todas aquelas persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao teléfono 982 370 062 ou escribindo ao correo electrónico voluntariado@concellodeguitiriz.com.


O proxecto será desenvolvido pola responsable da Biblioteca Municipal e da Aula CeMIT, Ana María Pérez. ‘Xeracións que xogan’ é un proxecto de voluntariado interxeracional no medio rural, vinculado co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, para o ano 2026, e conta tamén coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.




O artigo Guitiriz aposta polo encontro entre xeracións a través do xogo e da tecnoloxía co proxecto ‘Xeracións que xogan’ publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies