09/03/2026
O Concello de Guitiriz conmemorou este domingo o Día Internacional da Muller cunha manifestación que percorreu as rúas da vila para darlle visibilidade á loita pola igualdade de dereitos. A marcha, que arrancou ás 12:00 horas dende o Campo da Feira, reuniu a numerosos veciños e veciñas nun ambiente de unidade.
Nesta edición, a mobilización estivo encabezada pola pancarta co lema escollido polo Concello para este ano: ‘Polo seu pasado, polo noso futuro’. Durante o percorrido, as persoas participantes fixeron súa esta mensaxe, que transmite a idea de que a sociedade actual é quen é grazas ao esforzo das mulleres que estiveron antes ca nós. Ao mesmo tempo, o lema subliñou a obriga colectiva de seguir avanzando para garantir a liberdade e a igualdade plena das xeracións que virán.
A marcha reivindicativa finalizou na praza, onde todas as persoas asistentes se uniron para realizar unha gran foto de grupo xunto á pancarta oficial, simbolizando o compromiso de Guitiriz coa construción dunha sociedade máis xusta.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, xunto a outros membros do equipo de goberno, quixo agradecer a implicación da cidadanía nesta xornada e lembrou a importancia de manter vivo este espírito reivindicativo todos os días do ano. “Os dereitos dos que hoxe gozamos foron conquistados con moito sacrificio polas nosas avoas e nais. Hoxe saímos á rúa para honralas e para deixar claro que seguiremos traballando, dende as institucións e dende a rúa, para deixarlles ás nosas nenas un futuro sen fendas de xénero”, destacou a rexedora.
O artigo A veciñanza de Guitiriz sae á rúa para reivindicar a igualdade real no 8M baixo o lema ‘Polo seu pasado, polo noso futuro’ publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies