09/06/2026
O Concello de Guitiriz será escenario o venres 26 de xuño dunha nova edición do escape room ‘Xogal’, unha innovadora actividade gratuíta ao aire libre que combinará xogo, patrimonio, cultura e diversión para todos os públicos.
A cita dará comezo ás 19:30 horas na praza do Campo da Feira e permitirá ás persoas participantes descubrir a historia, as lendas e os recunchos máis emblemáticos do municipio a través dunha experiencia inmersiva e colaborativa. Baixo o título ‘Entre a auga e o lume’, a proposta estará ambientada na noite máis máxica do ano e coincidirá coa celebración das festas patronais de San Xoán.
As inscricións xa están abertas e poden realizarse escaneando o código QR incluído no cartel da actividade ou a través da páxina web escapeo.com/xogal. Para participar só será necesario formalizar a inscrición e dispoñer dun teléfono móbil con batería suficiente, conexión a internet e ganas de gozar dunha experiencia diferente.
O escape room ‘Xogal’ está deseñado pola empresa Escapeo, que transforma cada localización nun gran taboleiro de xogo con entre oito e dez probas que os equipos deberán superar para avanzar na aventura. Cada experiencia busca poñer en valor o territorio a través da exploración de espazos singulares, personaxes históricos, tradicións e lendas locais.
A actividade está recomendada para maiores de 12 anos. No caso dos menores desa idade, será obrigatoria a compañía dunha persoa adulta responsable.
Ademais do recoñecemento ao equipo gañador, a organización realizará un gran sorteo final entre todas as persoas participantes.
Esta iniciativa está promovida polo GDR-2 Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, en colaboración con outros Grupos de Desenvolvemento Rural, e forma parte dun programa que chegará a un total de dez municipios da comarca.
Unha vez rematada a actividade presencial, o percorrido permanecerá dispoñible durante un mes na plataforma web de Escapeo para que calquera persoa interesada poida realizalo de forma autónoma.
O artigo Guitiriz acollerá o escape room ao aire libre ‘Xogal’ o vindeiro 26 de xuño publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies